Mostrando entradas con la etiqueta soidade. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta soidade. Mostrar todas las entradas

sábado, enero 22, 2011

Un cincuenta

B: deixa de fumar, non ves que te estás matando?

A: cálate

B: poderías ter un pouco de respeto cos que non fumamos

A: pero que dis?

B: o que oes

A: acabamos de foder non?

B: si

A: pois eu despois de foder preciso fumar un pitillo

B: claro, é algo inevitable

A: para min si ostia

B: vale vale....

(pausa)

A: é curioso

B: si?

A: o ben que se levan os nosos sexos e despois non son quende aturarte.

B: eu tampouco. Debemos ser unha especie de binomio defectuoso que só funciona na cama.

A: máis ben somos animais.

B: un pouco fiera si que eres.....

A: joder si cando nos vemos o único no que pensamos é ou en discutir ou en saciar o calentón que levamos enriba, nin nos falamos

B: estámolo facengo agora

A: home despois desta noite non creas que teño moitas ganas de discuti

B: si, estivo ben.....moi ben......

A: tamén é curioso porque mentras fodemos sinto como si te coñecese de toda a vida.

B: a min pásame o mesmo

A: pero agora aquí ao lado da cama prodúcesme a mesma frialdade que calquera descoñecido

B: pero non o son

(pausa)

A: sabes? Si che digo unha cousa non te ris?

B: son todo orellas!

A: Sempre fuches o meu top one de entre todas as persoas coas que me deitei

B: si? Anda... non mo creo

A: pois si, de feito os meus colegas debecen por catarte

B: está ben sabelo

A: pero tranqui, con eles non funcionarias

B: como? Ti que sabes?

A: mira, jódeme recoñecelo pero eres a miña media laranxa no que a sexo se refire. Se as relacións amorosas deste mundo se basaran única e exclusivamente no sexo, ti serias o amor da miña vida.

B: home, é unha parte importante....


(pausa)

A: veña, vístete

B: que?

A: que te vistas

B: para que?

A: para que vai ser, teraste que largar ou?

B: estas de coña non?

A: non, gustaríame que te foras

B: son as tres da mañá

A: na entrada hai algo de diñeiro si precisas para o taxi

B: pero non entendo, por que?

A: por que? Queres saber por que?

B: si

A: déixao

B: non, agora dimo, supoño que terás unha razón non? e noite pecha e....

A: Pois xa se me está a pasar o efecto do polvazo desta noite, estoume a sentir unha merda que só sabe foder, a máis sucia escoria sen sentimentos, e o peor de todo, non teño forzas para botar outro polvo asi que un dos dous sobra non? E creo que os dous sabemos quen é o propietario do colchón

B: veña pois si queres discutimos

A: prefiro fumarme outro pitillo, ou un porro, ou comer magdalenas con xamón que sei eu!pero só!

B: vai moito frio na rúa....

A: por hoxe xa chegou, veña

B: eres un fillo de puta

A: un grandísimo fillo de puta son!

B: non cambiarás.... e eu tampouco.....non sei como fago pero eu tampouco...

(B márchase coa metada da súa roupa nas mans)

A: non te preocupes, chamareite!



Mudanzas

domingo, abril 25, 2010

RUIDO

Canto máis ruido fago máis quero escoitar. Convírtese no remedio infalible para sobrelevar aqueles momentos nos que non tes a ninguén con quen compartilo.

Resulta ser unha terapia económica. Por momentos xorde o arrebato egoísta e decido desperdiciar enerxía co único fin de de cumprir o meu capricho, ese no que non me sinto só.
Prendo o televisor, a aspiradora, abro a billa e mesmo poño a radio nesa canle na que nunca sintonizas nada. Fico imóbil, relaxado, procuro non concentrarme en ningún son particular, máis ben fago de todos unha sinfonía de vangarda coa suficiente forza como para transportarme a aqueles días nos que tamén se me puña a pel de pita, como agora.

Espero un rato, pero agora tan só escoito ó aspirador, sen dúbida é o son que máis aprecio, ten algo de maxia, o peor, coma en case tódolos trucos é cando desaparece, a sinfonía remata en cadencia e só escoitas o minuteiro.

Non queda outra, aínda son feble, non son quen de xogar as resistencias, voume alimentando en pequenas dosis coa miña terapia, volve o arrebato egoísta. Prendo o televisor, a aspiradora, abro a billa e mesmo poño a radio nesa canle na que nunca sintonizas nada.

domingo, noviembre 29, 2009

Je ne suis....

Je suis la vitalité
Je suis la dèsolation
Je suis la garce
Je suis la folie
Je ne suis......

-Mira o tempo, velo?, síntelo?, podes collelo?, podes asfixialo ata que se pudra nas túas mans e xa non siga o seu camiño? Dime que podes, dimo e xa non serei a mesma.

Os putos anos pasan, pasan por todos, por algúns máis ca outros, pero pasan ao fin de contas. Por ela pasaron axiña, pasou media vida en busca da eterna xuventude e acabou sumida en cremas de coñecidas marcas e descoñecidos logros.

-Perdín o tren, ese que ía a Bilbao, tamén o que me levaba a Paris. Perdin a maleta e o billete, perdin o pucho que me abrigaba do frío...

Soñaba xogar, nisto que chaman vida real ,cos bonecos que tiña de pequena, xogar a ser a mamá pero rematou por convertirse na tia que todos os nenos desexarían ter, esa amiga de mamá que cando ven sempre trae unha tableta de chocolate.

-Nuna amei, sempre foi máis sinxelo odiar. Pensei que para amar, tiña que aprender a detestar. Unha vez ameime a min mesma, pero non lembro se foi real.

As súas sabas enchéronse de pel morta, a súa cabeleira volveuse cincenta e deixou de ser atractiva, deixou de preocuparse por selo. Agora mira ao espello e trata de lembrar o que ficou atrás para deprimirse, para sentirse a merda máis grande do mundo, dalle forzas.
O cheiro a orín comeza a impregnar a súa roupa interior, ten arcadas e corre ao baño para axeonllarse no retrete e botar todo fora, mentres chora. Se o retrete fora máis grande tiraríase pero non o é.

-Gústanme os aniversarios, pero en solitario. Gústame esquecer cantas velas teño que por na tarta. Disfruto regalándome aquilo que tanta ilusión me facia, sorprenderme cunha festa e bailar borracha ata perder o control. Felices 70! E penso que esas son as palabras máxicas para que chegue o final que non é tal. Érgome ao dia seguinte convencendome que as palabras máxicas farán efecto dentro dun ano.

Je suis parfait
Je suis le patron
Je suis la reine
Je suis vieux
Je ne suis....

domingo, mayo 10, 2009

Perdímonos o tempo

Cando saímos era tarde, non vimos a ninguén, só estabamos nós. O camiñar era lento, e os nosos pasos estaban perfectamente compenetrados naquela cidade de luz, marcaban o ritmo do solpor.



Non se falaba, tan só camiñábamos en ningunha direción. Tiña fame. Comimos.



Aínda me pregunto o por que daquel silencio, o poder do mesmo embargaba meu pensamento e non me permitía outra cousa que calar. Un pequeno escalofrío envolveu o meu corpo. Tiña unha pedriña no zapato, era molesta, non a quitei.



Unha bágoa esvara pola súa faciana, un pano sae do meu peto. Xiro brusco, cambio de dirección.



Os pasos pérdense daquel compás unísono, adiántome. Rómpese o silencio, respira forte, respiro forte. Comeza a chover.



Enchoupados entramos no soportal, eu antes. Abro a porta, imos ó salón, prendo o televisor. O Telexornal rematou.

Rómpe o silencio:



-Merda, perdímonos o tempo.

lunes, enero 12, 2009

A vertixe da felicidade

Din que para que un pai sexa o mellor de todos ten que ter algo de nai. E se non ten nin o propio dun pai?

O neno chora na soidade que lle aporta a escuridade da súa habitación, ten medo de prender a luz, está xa farto de ver os seus ollos asolagados e cansos.
Perde por momentos a respiración dados os esforzos que realiza para que esas bágoas sexan súas, tan só del, pechadas nesas catro paredes nas que fai que dorme.

- Empezamos ben o ano. Empezamos ben o ano!! -grita con ton enfadado mentres abre a porta da habitación bruscamente-.
- Que fas, estas durmindo?- pregunta alterado-.
- Agora xa non
- Non é así sabes? As cousas non se fan así.-levanta levemente a voz-.
- Xa -contesta con resignación-.
- Xa non, xa, non me vale, has de conseguir que perda a confianza en ti. Como se che ocorre faer iso? Paréceche normal?-pregunta con maior tranquilidade-.
- Non.-responde con certo pasotismo-.
- Pero por que o fixeches?
- Non sei
- Mírame ós ollos cando che falo, non son ningún can da rúa, mírame ós ollos, escoitasme?-volve a subir levemente o tono-.
- Si -mirándolle ós ollos-.
- Por que tes esa actitude tan impertinente?
- Que? Eu non teño ningunha actitude impertinente.-alza o tono de voz-.
- Si que a tes. Sempre depositei a miña confianza en ti pero estas conseguindo que a perda. Que non se volva repetir, oes?
- Si
- Se nunca che faltou de nada, se querías algo non tiñas máis que pedilo.- con tono afable-
- Xa
- Nin tiveches o valor de falar e polo menos pedir perdón polo que fixeches. Ti sabes que aquí me tes para o que queiras, comigo podes falar.
- Xa.-contesta con certa tristeza-
- Pásache algo?
- Non.
- Seguro?
- Non, non me pasa nada.
- Se che pasa algo so tes que decirmo. Eu tamén fun rapaz, e os meus pais non falaban comigo, tan só me mandaban o campo co gando, non se preocupaban si aprobaba o carné de conducir nin como o pagaba.
- Xa, xa mo tes dito.
- Bueno-suspira- pero ti debes ser un rapaz non debes quedar atrás.
- Xa.
- Ti fas o que fan os demais, non quedar atrás, non ir de tirado pero non quedar atrás e que non teñan motivos para dicir nada de ti.
- Vale.
- E si queres botar un polvo pois bótalo oes?
- Si. -con sorpresa na súa mirada-
- Eu -baixa o tono de voz- isto que quede entre nolos dous, cando era novo colleu o “Rialta” e o “Casado” e leváronme aPontevedra, paguei e botei un polvo. E si a ti che apetece botar un polvo pois colles dúas mil ou tres mil pesetas e botas un polvo, vale?
- Si. -responde coa mirada perdida-
- Mírame a cara!
- Si
- De tódolos xeitos mañá imos tomar un café que quero falar contigo, vale?
- Vale
- Veña, isto queda esquecido pero que non se volva a repetir.
- Si
- Ata mañá
- Ata mañá
(péchase a porta)

Móvese, inquiétase, chora, respira fondo, vólvese a mover, volve a chorar.
Lembra o dito e as náuseas soben dende o seu ventre.
Pola súa cabeza, aínda cimentándose, penduran barbaridades, mesmo pensa subir ó alto e voar lonxe de todo, mesmo pensa en quitarse do medio.
O teléfono que ten na man precisa chamar a alguén, estallo pedindo a berros. Pensa en alguén, pero sabe que non pode falar, sigue pensando, e comeza a escribir unha mensaxe, pero sigue pensando, e sabe que no fondo non solucionaría nada, borra a mensaxe, sigue pensando.
Considérase cobarde, inútil e sucio. Non sabe contestar, non sabe transformar seus sentimentos en palabras. Planea incluso fuxir e é feliz por un instante.
“Si non che falta de nada, si quería algo non tiñas máis que pedilo” e agora ven a parte na que todos rimos e somos felices non?.
O neno está cansado de querer ser feliz, de finxir selo. Xa non soporta que os seus beizos se estiren cada día para esbozar na súa boca o sorriso da Mona Lisa.