Entre toxos e xestas

a saída desesperada dos pensamentos desordeados dunha mente por cimentar

Subscribe
Add to Technorati Favourites
Add to del.icio.us
domingo, noviembre 29, 2009

Je ne suis....

Publicado por Estevo González Azañón

Je suis la vitalité
Je suis la dèsolation
Je suis la garce
Je suis la folie
Je ne suis......

-Mira o tempo, velo?, síntelo?, podes collelo?, podes asfixialo ata que se pudra nas túas mans e xa non siga o seu camiño? Dime que podes, dimo e xa non serei a mesma.

Os putos anos pasan, pasan por todos, por algúns máis ca outros, pero pasan ao fin de contas. Por ela pasaron axiña, pasou media vida en busca da eterna xuventude e acabou sumida en cremas de coñecidas marcas e descoñecidos logros.

-Perdín o tren, ese que ía a Bilbao, tamén o que me levaba a Paris. Perdin a maleta e o billete, perdin o pucho que me abrigaba do frío...

Soñaba xogar, nisto que chaman vida real ,cos bonecos que tiña de pequena, xogar a ser a mamá pero rematou por convertirse na tia que todos os nenos desexarían ter, esa amiga de mamá que cando ven sempre trae unha tableta de chocolate.

-Nuna amei, sempre foi máis sinxelo odiar. Pensei que para amar, tiña que aprender a detestar. Unha vez ameime a min mesma, pero non lembro se foi real.

As súas sabas enchéronse de pel morta, a súa cabeleira volveuse cincenta e deixou de ser atractiva, deixou de preocuparse por selo. Agora mira ao espello e trata de lembrar o que ficou atrás para deprimirse, para sentirse a merda máis grande do mundo, dalle forzas.
O cheiro a orín comeza a impregnar a súa roupa interior, ten arcadas e corre ao baño para axeonllarse no retrete e botar todo fora, mentres chora. Se o retrete fora máis grande tiraríase pero non o é.

-Gústanme os aniversarios, pero en solitario. Gústame esquecer cantas velas teño que por na tarta. Disfruto regalándome aquilo que tanta ilusión me facia, sorprenderme cunha festa e bailar borracha ata perder o control. Felices 70! E penso que esas son as palabras máxicas para que chegue o final que non é tal. Érgome ao dia seguinte convencendome que as palabras máxicas farán efecto dentro dun ano.

Je suis parfait
Je suis le patron
Je suis la reine
Je suis vieux
Je ne suis....

martes, noviembre 24, 2009

A SEREA

Publicado por Estevo González Azañón

Nadou forte, contra as mareas. O mundo tiña fame de xexún e ela saiu a frote. Naceu a delicia, a delicada, a dos ollos de acibeche, a da pel de nacre.

Do grego, Sofia, de natureza emotiva, cordial e sagaz, inundou ao mundo, paseniño, con sutileza, da auga clara na que mergullar o noso corazón e convertilo no dela, sen impurezas, coa sinxeleza dos acenos naturais.

Cobre o seu corpo con panos de seda e calza sandalias de coiro, alza a mirada envolta en pinturas de conto, e caes sucumbido no vestixe dos seus ollos.

E non pode facer mal e digo que non pode ser doente, co seu sorriso lévate polo vertixinoso cauce das suas aguas, non podes deixar de querela como é, non podes deixar de nadar con ela

As ondas van e veñen, ao ritmo das súas cantigas atrapando aos máis codiciados mariñeiros que se funden nas súas redes para adorar a musa, a feiticeira.


Eu coñecina un día, vina pasar e marchou. Pero non me esquecín dela e ben sabe este zagal que o mar do nordés respira teimoso dende que fuxiu, mais agardo a esperanza de volver nadar un día con ela, coma daquela, con Sofia, coa miña serea.

viernes, noviembre 13, 2009

ESQUECICHES

Publicado por Estevo González Azañón

Sempre buscou en min un confidente, un apoio, un responsable. Pero eu era tan só un neno.

Sempre buscou en min unha excusa, un consello, compresión, e os problemas para min eran tan só fórmulas matemáticas.

Era o conflito e a solución, o intruso silencioso do fráxil binomio, a pelota que cambia continuamente de tellado.

Sempre buscaches en min razóns, causas, e eu estaba tan farto delas....

Estabas tan cega, tan absorbida nos teus problemas que non reparaches no máis importante.

Sempre buscabas en min un pai pero eu era tan só o teu fillo.

lunes, noviembre 02, 2009

Caos

Publicado por Estevo González Azañón

Hoxe subironme o prezo no prostíbulo e por suposto non fun quen de deixar propina.

Hoxe descubrin que a merda que sae do meu corpo xa non ten o cheiro de sempre e que levar a camiseta do revés é unha boa solución para evistar os picores da etiqueta.

Hoxe o Ibiza levou aparcado en dobre fila máis de tres horas sen problemas e a máquina dos cafés gastounas de xenerosa e devolveume trinta e cinco céntimos de máis.

Hoxe a radio sintonizou unha canle sueca moi animada, non se entendía nada, parecida as que hai aquí..

Hoxe non soñei contigo e o meu teléfono non tiña chamadas perdidas.

Hoxe aprendín pouco, máis do habitual.

E aquí estou, esperto, coa noite xa pecha e desafiando ao cambio de hora. Eu máis este mosquito intentamos durmir sen logros. Será que non quero que remate.

jueves, octubre 15, 2009

O SUPER

Publicado por Estevo González Azañón

- Xa non pode traballar unha tranquila.
- Muller que pasou hó?
- Trátanos coma ratos. Eles si que son animais!
- Pero de que falas?
- Téñeno todo pensado.
- Ai Carmen, as veces non me faltan ganas de darche un bo sopapo. A que ven tanto secretismo?
- Achégate e verás, ven ven, mira! Non notas nada raro?
- Na báscula? Mmm... Que é nova?
- Moi ben guapa, xa se ve que tes ollo clínico. Iso é e vidente, fíxate mellor!
- Ai muller que queres que a coma? Eu non che vexo nada raro na báscula, ti dirás.
- Mira iso de aí, si, iso que sobresae!
- Ese cable?
- Ajá! Parece un cable si. Outra coitadiña que cae na trampa.
- E logo que é mais ca un cable?
- Está ben claro, é un micrófono!
- Un micrófono? Na báscula da fruta?
- Si
- Ti toleas
- Mira non me importa o que pensedes, podedesme seguir chamando tola, pero a min estes non me enganan, queren explotarnos coma animais, queren que estoupemos. Controlan todo o que facemos para que non paremos nin para respirar. Pero eu estouche ben tranquila, a min o micro ese tráeme sen coidado porque que saiban todos eses monicreques que agora penso gritar máis que nunca e dicir ben alto e claro o que me pete. E que me toquen as narices, ti déixaos que me poño a cantar pola Durcal se fai falla e espántolles a todo Dios.
- Pero Carmen non esaxeres!
- Que vou esaxerar! Se a culpa e toda vosa que parecedes parvas, ou vadesme dicir que o que puxeron o ano pasado son unhas simples cámaras de seguirdade...o carallo! Que eu de computadoras aínda che entendo algo. O que fan estes sinvergüenzas e gravarnos para despois darlle a volta a pantalla para que se nos baixe a todas a saia, ou? E logo porque pensas que insistiron tanto na saia do uniforme? Vos seguide con esa actitude pero a min non ma dan que dende hai tres meses traigo a faixa ben posta para que non se me vexa nin un anaco de carne
- Pero Carmen, por Dios!
- Isto é intolerable e inhumano.
- Isto Carmen é un supermercado coma outro calquera, ou casi igual co resto... e corre que xa tes xente na frutería.
- Podes seguir ceguiña pero aquí a tola lévavos vantaxe, xa verás ti.

Carmen afástase cantando

- “Yo no he perdido la esperanza de que un día tu me quieras y ese día llegará...”

viernes, octubre 02, 2009

O PRIMEIRO DO PLURAL

Publicado por Estevo González Azañón

Decidimos, inconscientes, facéndonos os maduros.
Arriscamos, convencidos de que sempre se gaña.
Soprendímonos ó comprobar que o tempo logo pasa.
Desgastámonos e optamos pola falta de respeto.


Sobrepasamos impasibles, sólidas barreiras.
Burlámonos das decisións alleas.
Antepuxemos o material ante todo,
xa non hai fondos para un prezo tan alto.


Tocamos con rencor onde máis doía.
Escarbamos furiosos na ferida,
comprobamos ledos que sangraba.
Infectamos a un fogar, a tres vidas.


Traficamos coa máis férrea ilusión.
Intercambiamos laudos sen xuíz.
Condenámonos voluntariamente.
Fixemos do masoquismo unha relixión

Remeximos na bosta acumulada,
impregnamos a pel de fortes cheiros.
Enredámonos unha e outra vez na madeixa,
paramos, e volvemos a enredala

Convertimos o soberbio nun presente
Afundímonos paseniño no preseiro
Mentimos, fuximos, gritamos
choramos, sufrimos pero seguimos.

lunes, septiembre 21, 2009

Atallos

Publicado por Estevo González Azañón

Namoreime de ti, paseniñamente, angustiosamente con paixón. Namoreime do xeito non que me miras cando estou espido e ti érgueste da cama. Namoreime das túas mans facéndome cóxegas e dese xeito peculiar no que pronuncias os eses.
Namoreime si, e dende aquela dexei as unllas crecer para arañar cada segundo, para aferrarme a cada poro da túa pel.
Camiño despacio, non teño presa, non malgasto as forzas en correr, non sabería que facer ó determe.

-Que pasou?
-Nada, por?
-En que pensabas?
-Pois en nada, a verdade.
-Non é posible.


Nada é imposíbel, non pensaba en nada, tan só contruía inxenuamente fortalezas de crsital nas que agochar o meu pequeno mundo, ese no que vivo como quero ou coma creo querer, ese ó que pretendo chegar polo camiño sinxelo, o asfaltado, no que sempre me perdo. Hai moitos atallos que traicionan ata o ollo máis avispado e convírtense en lóbregos túneis que te conducen ó punto de partida.
E agora, como cho explíco? Os teus ollos brilan tanto por momentos... as veces parecen tan fortes... Que pequeniño son ó teu lado! Aínda me queda moito camiño por diante! Non teño presa, vou a modo, sen coller atallos.

-Vasme dicir no que pensabas?
-Mañá, non me podo esquecer de cambiar a hora