domingo, abril 25, 2010

RUIDO

Canto máis ruido fago máis quero escoitar. Convírtese no remedio infalible para sobrelevar aqueles momentos nos que non tes a ninguén con quen compartilo.

Resulta ser unha terapia económica. Por momentos xorde o arrebato egoísta e decido desperdiciar enerxía co único fin de de cumprir o meu capricho, ese no que non me sinto só.
Prendo o televisor, a aspiradora, abro a billa e mesmo poño a radio nesa canle na que nunca sintonizas nada. Fico imóbil, relaxado, procuro non concentrarme en ningún son particular, máis ben fago de todos unha sinfonía de vangarda coa suficiente forza como para transportarme a aqueles días nos que tamén se me puña a pel de pita, como agora.

Espero un rato, pero agora tan só escoito ó aspirador, sen dúbida é o son que máis aprecio, ten algo de maxia, o peor, coma en case tódolos trucos é cando desaparece, a sinfonía remata en cadencia e só escoitas o minuteiro.

Non queda outra, aínda son feble, non son quen de xogar as resistencias, voume alimentando en pequenas dosis coa miña terapia, volve o arrebato egoísta. Prendo o televisor, a aspiradora, abro a billa e mesmo poño a radio nesa canle na que nunca sintonizas nada.

No hay comentarios:

Publicar un comentario