sábado, mayo 16, 2009

Lodo

Cantas ganas tiña de volver visitar a presa! Hoxe é distinto, a auga estaba tibia, revolta, tiña un pouco de medo, parecía enfadada.

Como subiu o río! Que teña coidado cos zapatos que son novos!!

Cantas ganas tiña de sentir a auga correr nos meus dediños, que fría está!

Muller déixao, non o agobies, está para ensucialos, é normal que se achegue á auga.


Está moi fría e moi sucia, non se ven as troitas fuxir da miña sombra, hoxe a miña sombra flota na superficie.

Eu son a que despois llos limpará e frotará con coidado para que sigan parecendo coma novos

Non sei que ten hoxe o río, non me gusta, pero atráeme.



Muller, estamos para iso.

Vou ir ata a rampa, se me descalzo poderei meter os pés!

Estou para iso? Ti cres? Estou para sufrir cada vez que se tropeza e se manca? Estou para aguantar os seu choros pola noite e esperar a que durma cando eu xa non son capaz? Estou para sentarme nunha cadeira de bimbio e ver como medra?

Está demasiado fria! Está demasiado sucia, entrarei cos zapatos postos

Falas como se fora a cousa máis grave do mundo

Irei despaciño, para mollarme menos.

Si, debo ser tonta


Non me movo e non porque non queira é porque non podo, algo me ata e me angustia, debe ser o lodo. Terei que gritar para que elas me axuden, ou mellor calo, si, calarei, ó fin e o cabo aquí non se está tan mal.

No hay comentarios:

Publicar un comentario