martes, enero 27, 2009

Bágoas salgadas

Nin sombras nin medo
hoxe risas non quero
nin falsos retratos…

Chora, chora porque as salgadas bágoas
escocen nas feridas
e sentes que estas vivo

Mirando mintes
mintes e mostras
mestres do mastro

O zagal enmudece
e o vento retorna
coas bágoas salgadas

As veces pasan pola vida persoas as que tan só ves uns minutos. Cruzas con elas catro palabras e pensas por un momento que sería interesante indagar máis, xogar ós decubrimentos. Pero non, esfúmanse e nunca volven aparecer, ou se o fan é nun recordo máis que borroso ou nun recorrente soño.

Levo moitos meses dando voltas, pensando en moita daquela xente. Non sei, a estas alturas, se depositar a miña confianza no destino, pero sei de máis dun que cre firmemente no mesmo e aseguran que todo sucede por algo. Porén pode que fose necesaria a fugacidade de ditas relacións para facerme comprender o que intento desentramar pero que aínda non consigo.

Estou crecendo, non físicamente, só me faltaba, pois síntome totalmente conforme coa miña estatura, estou crecendo como persoa, aflorando lentamente pero son moitas as ocasións nas que é complicado abrir eses ollos que levan pegados tanto tempo tras unha noite de malos soños.

Debería estar defraudado por moitos motivos. Cada día estou máis convencido de que o meu caso é de psicoanalista ou mesmo das novelas de Stephen King.

Non lembro moi ben quen foi o que me dixo que xamais me arrepentira seguido do topicazo de que dos erros se aprende. En realidade non me arrepinto desa pasividade coa afrontei gran parte da miña vida, desa incapacidade de escoller que non foi tal, porque mesmo cando non escolles estás escollendo, non?

Ó final sempre veñen as sorpresas, e crédeme que é unha palabra que me aterroriza. Quen dixo que as sorpresas foran boas? Na maioria dos casos non o son. Resulta que un bo día, ¡que digo bo!, un moi mal día, descobres que as moedas teñen dúas caras e os cimentos dese edificio que tanto tempo che levou construir se derruban nunha ínfima porción de segundo.
É, entón cando te decatas que o ser perde importancia ante o parecer ser.
Comentaba hoxe ante unhas vinte persoas, que afortunadamente somos libres para evitar parcernos a moitos dos nosos retratos.

Ata que punto te queren eses que non demostran pureza nos seus actos, filtrados por intereses propios?. A súa alba pel esta maquillada xa que no fondo non é tan alba como semella ser. Os seus ollos non minten pero non é doado separalos das súas palabras. Os seus xestos están ensaiados. É tan doado mentir! É tan doado crer as túas propias mentiras…


-Eres moi afortunado, sabes?

-E logo?

-Non sei, vexo que tes moita xente ó teu redor.

-Non lle chamaría eu a iso fortuna

-Non?

-Digamos que ter moita xente ó teu redor axuda a non caer sucumbido pola traizón do silencio, mesmo pola soidade.

-E iso non é fortuna?

-Nunca escoitaches iso de que máis vale calidade que cantiadade? Pois as veces sinto que moita xente sobra, é unha simple figurante no filme da miña vida e están nela porque non hai maneira de quitalos, aínda que en realidade non aportan nada

-Ten que haber maneira de quitalos se che sobran, non?

-Verdade, tes toda a razón, pero nestes momentos non me vexo eu con forzas de tentar a forma de conseguilo.

-Eu sinto que me pasa o mesmo

-Son da opinión de que na nosa vida pasa moita xente, a maioría dela deixa unha marca, por mínima que sexa. Pero, é moi pouca a que consigue transformar esa marca nunha cicatriz que non desaparece por moito que pasen os anos.

-Bueno, que sepas que ti es moi cicatrizante

-Vaia grazas


Levo moitos meses dando voltas, pensando en moita daquela xente…
E si eran os que verdadeiramente me comprendían? E si eras ti e non me lembro?




No hay comentarios:

Publicar un comentario